Friday 19 de April de 2024

“A Coruña é Vólei Praia” celebra a súa segunda edición


A Coruña volverá ser o epicentro do vólei praia galego e nacional durante 3 semanas coa posta en marcha por segundo ano consecutivo de ‘A Coruña é Vólei Praia’, realizado entre o Concello da Coruña e a Federación Galega de Voleibol. A cidade acollerá de novo dúas probas autonómicas e unha nacional de vólei praia. Na presentación participaron a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, e o presidente da Federación Galega de Voleibol, Jose Ángel Luna.

“A Coruña é Vólei Praia 2022” comezará esta mesma fin de semana, do 23 e 24 de xullo, cos máis pequenos, e celebrará a segunda proba do Circuíto Galego de Categorías Inferiores de Vólei Praia, no que máis de 250 participantes nas categorías alevín, infantil, cadete e Sub 19 masculina e feminina buscarán seguir sumando puntos para a clasificación final en 6 campos dispostos pola FGVB.

A continuación, os vindeiros días 30 e 31, o Campionato Galego Sénior de Vólei Praia, derradeira proba do Circuíto Vichy Catalan Vólei Praia Galego, decidirá os campións e campioas da nosa comunidade entre 48 parellas masculinas e 48 femininas que accederán á proba a través do ránking galego.

Por último o trofeo “Cidade da Coruña”, proba catalogada como 1 estrela no Circuito Nacional de Vóley Playa da Real Federación Española de Voleibol, poñerá o broche de ouro ás tres semanas de vólei praia en Riazor, cun torneo con case 100 dos/das mellores deportistas masculinos e femininos Sénior de toda a península a fin de semana do 6 e 7 de agosto.

Recordamos que o público poderá acceder aos encontros de forma gratuíta e que se realizarán na praia de Riazor dende as 9.00 horas da mañá ata as 20.00 horas, aproximadamente.